Páxinas

mércores, 14 de febreiro de 2018

DÍA DE ROSALÍA

Ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro. 
Un refacho que quere abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a redefinilos... 
Abride a fiestra para as viaxes interiores, para a coraxe dos afectos, para sermos das que non temos medo de pensar e de sentir simultaneamente, de recoñecernos mulleres con palabra e voz propia, herdeiras e compañeiras daquela que en cada dedicatoria se recoñecía nas súas iguais.
María Reimóndez
Extracto do Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2018
ACHEGÁMONOS AO DÍA DE ROSALIA, E COMO TODOS OS CURSOS DESDE A BIBLIOTECA QUEREMOS RECORDALA.
ESTE ANO SEGUIREMOS AS PAUTAS DA AELG E PENDURAREMOS "RETALLOS" DE ROSALIA NAS NOSAS FIESTRAS...

ESPERAMOSVOS O VENRES, 23 DE FEBREIRO NA BIBLIOTECA!


DESDE A FUNDACIÓN E CASA MUSEO DE ROSALIA DE CASTRO ESTE 23/24 DE FEBREIRO CONMEMORARANO CON DIVERSAS ACTIVIDADES ENTRE AS QUE DESTACAMOS O "CALDO DE GLORIA" INSPIRADO NO POEMA DE ROSALIA QUE APUNTAMOS ABAIXO...

ES QUEN DE APRENDER UNA FRAGMENTO??


POEMA ‘Miña casiña, meu lar’ (Rosalía de Castro)
Miña casiña, meu lar,
cantas onciñas
de ouro me vals.
Vin de Santiago a Padrón
cun chover que era arroiar,
descalciña de pé e perna,
sin comer nin almorzar.
Polo camiño atopaba
ricas cousas que mercar
i anque ganas tiña delas
non tiña para as pagar.
Nos mesóns arrecendía
a cousas de bon gustar,
mais o que non ten diñeiro
sin elas ten que pasar.
Fun chegando á miña casa
toda rendida de andar;
non tiña nela frangulla
con que poidera cear.
A vista se me varría
que era aquel moito aunar.
Fun á porta dun veciño
que tiña todo a fartar;
pedinlle unha pouca broa
e non ma quixo emprestar.
As bagullas me caían
que me fora a avergonzar.
Volvinme á miña casiña
alumada do luar;
rexistrei cada burato
para ver de algo atopar:
atopei fariña munda,
un puñiño a todo dar.
Vino no fondo da artesa,
púxenme a Dios alabar.
Quixen alcende-lo lume,
non tiña pau que queimar.
Funllo a pedir a unha vella,
tampouco mo quixo dar
si non era un toxo verde
para me facer rabiar.
Volvín triste coma a noite
a chorar que te chorar.
Collín un feixe de palla,
do meu leito o fun pillar.
Rexistrei polo cortello
mentras me puña a rezar
e vin uns garabulliños
e fieitos a Dios dar.
Meu San Antón milagroso,
xa tiven fogo no lar!
Arrimei o pote ó lume
con augua para quentar.
Mentras escaravellaba
na cinza, vin relumbrar
un ichavo da fertuna…
Miña Virxe do Pilar!
Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar.
Máis contenta que unhas páscoas
volvín a porta a pechar
e na miña horta pequena
unhas coles fun catar.
Con un pouco de unto vello
que o ben soupen aforrar
e ca fariñiña munda
xa tiña para cear.
Fixen un caldo de groria
que me soupo que la mar,
fixen un bolo do pote
que era cousa de envidiar.
Despois que o tiven comido,
volvín de novo a rezar
e despois que houben rezado
puxen a roupa a secar,
que non tiña fío enxoito
de haber tanto me mollar.
Nantramentras me secaba
púxenme logo a cantar
para que me oíran
en todo o lugar:
Meu lar, meu fogar,
cantas onciñas
de ouro me vals.


Ningún comentario:

Publicar un comentario