Busca no blog

venres, 27 de setembro de 2013

MARTES DE CINE

        Todos os MARTES NA BIBLIOTECA e durante o RECREO imos proxectar curtametraxes que seguro que vos gustarán.
         Aquí vai unha mostra: "Los fantásticos libros voladores",  unha entretida e apaixonante historia das persoas que dedican a súa vida aos libros e ás cales os libros lles devolven o favor. É unha alegoría conmovedora e humorística sobre os poderes curativos dunha boa lectura. A historia xira en torno ao amor polos libros, a súa capacidade para iluminar as nosas vidas e o marabilloso que é somerxerse na lectura
           Gañou unha ducia de premios en festivais de cine, incluíndo o Premio do Público no Festival de Cine de Austin, mellor curto de animación no Festival de Cine de Cinequest; e por suposto o galardón como Mellor Curtametraxe de Animación nos premios Óscar 2013


NOVO CARTEL DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

                      O lema elixido para este ano, LER CIENCIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR, trata de sensibilizar sobre a importancia da lectura de textos de carácter científico, de textos divulgativos ou de textos literarios que tratan temas relacionados coa ciencia. Todos estes contidos teñen cabida na biblioteca e enriquecen a bagaxe lectora do alumnado. A ilustración é de PATRICIA CASTELAO. Por outra parte, a incorporación do profesorado dos departamentos de ciencias aos equipos de biblioteca, diversifica as posibilidades de intervención da mesma e favorece o deseño de actividades plurais en contidos e imprescindibles para o desenvolvemento de todas as competencias básicas. 
                 A biblioteca ten na ciencia unha fonte riquísima para realizar propostas de carácter interdisciplinar, que debe aproveitarse para que este tipo de actividades vaia callando en todo o profesorado e facilite realmente o desenvolvemento do currículo en todas as áreas e materias. É unha oportunidade tamén para avanzar nas estratexias de comprensión lectora de todo tipo de textos, e moi especialmente, un desafío para mellorar as habilidades de uso, selección e produción de información en todos os soportes, moi especialmente os recursos electrónicos. 
                  Aprender a valorar a información que se atopa en internet con criterios de credibilidade, veracidade, cientificidade, etc., é imprescindible para o noso alumnado; identificar, por exemplo, a pseudociencia entre a inxente cantidade de contidos audiovisuais que circulan por internet resulta difícil (ás veces incluso para os adultos), pero só a alfabetización mediática e informacional pode dotalos de recursos para poder facelo.